10/12/2015

Chega o Apalpador.


Chega a última semana antes das vacacións de inverno e as festas.
Se precisas unha idea sinxela, rápida, ecolóxica e económica para que os teus alumnos/as disfruten realizando un pequeno traballo artístico aquí tes unha proposta.

Todos coñecemos ao Apalpador, ese rubio carboeiro coa roupa chea de remendos que unha vez ao ano baixaba das montañas luguesas para tocar as barrigas dos nenos e comprobar que estaban ben alimentados e aproveitaba para desexar un bo ano e deixar unha deliciosa presa de castañas a cada neno e nena.

Temos xa un montón  de recursos, contos e cancións arredor da figura do Apalpador coma os que atoparás máis abaixo e aos que podes acceder facendo clic nas imaxes.

Aquí está a nosa decoración do Apalpador e só precisaremos un tubo de cartón, un cordeliño e as cores!





Para aqueles/as aos que se lles complica o deseño do apalpador podemos crear, nun folio, unha plantilla semellante a esta á que poden dar cor, ou pegarlle trociños de revista ou papeis das cores correspondentes a modo de collage para logo poñelo no tubo.




Un par de recursos máis (fai clic para velos!):
                      
Un par de contos (aquí tamén podes facer clic!):
                                                 
E un par de cancións:


Saúdos desde a fiestra!

01/12/2015

Nadal en inglés e con 5 sentidos.

Con motivo das vacacións de inverno traio un material que elaborei para a aula de inglés de infantil ou o primeiro nivel de primaria.

Aínda que nas sesións de inglés de infantil non adoito empregar moito papel e traballamos máis a comprensión e expresión oral a través de cancións, xogos e contos ás veces incluímos algún material como é este.

Neste caso son dúas láminas que traballan vocabulario destas vacacións de inverno, conceptos coñecidos como as cores ou elementos da roupa de inveno e tamén os cinco sentidos, coma se de un mini-libro sensorial se tratara.

Na primeira lámina atopamos os sentidos da vista e o tacto. Primeiro cunha árbore de nadal na que pegaremos gomets das cores que solicitemos facendo as veces de bolas da árbore. E no segundo caso pegaremos algodón en parte do gorro de inverno para aportar o tacto suave.


Na segunda lámina, pola súa banda, están o olfato, o oído e o gusto. Primeiro cun reno cuxo naris faremos con plastilina vermella tras experimentar cheirándoa a cegas, despois cunha campana de nadal á que lle poñeremos un pequeno axóuxere e finalmente cun vasiño de chocolate quente ao que engadir unha palliña coa que saborear (durante a actividade podemos mollar as palliñas en azucre, ou sal, ou limón... experimentando cos sabores).

E por fin, velaquí queda o material descargable para o voso uso:



Saúdos desde a fiestra!

27/11/2015

Xosé Neira Vilas na escola. Actividades e recursos.

Hoxe, 27 de novembro falecía na súa casa de Gres o escritor Xosé Neira Vilas, autor, entre outras moitas obras, do primeiro "best-seller" galego "Memorias dun neno labrego". Esta obra considérase o inicio da literatura infantil e xuvenil en galego e ademáis de ser libro galego máis lido e máis veces editado é tamén dos máis traducidos en todo o mundo. 


É hoxe cando semella que todos nos fixamos na tremenda herdanza que queda con nós tra-lo seu pasamento e a pegada que deixa na cultura e sociedade galega que hoxe revisita as súas entrevistas, discursos, obras, reportaxes, vídeos e incluso cancións que o referencian.



O que está claro é que pasamentos coma este son tamén tristes mais recomedables oportunidades nas que realizar pequenas actividades na súa honra así como para continuar acheando a súa figura e obra aos centros escolares e velaquí van algunhas ideas: 

Podemos comezar coa sinxela acción de reescribir o célebre comezo das "Memorias dun neno labrego":

"Eu son 
Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre."

desde a perspectiva de cada alumno e alumna ou poñéndonos na pel doutras persoas ou personaxes. Engandindo parte artística na homenaxe incluiría a creación dun mural no que fotos das nosas caras ocupen o lugar da do debuxo dunha das portadas máis empregadas para esta obra empregando esta imaxe.

Tamén podemos crear un arquivo sonoro cos alumnos recitando poemas do autor xa que ten obras adecuadas ata para os máis pequenos como os poemas de "O xardín de Irene" ou pedir que realicen ilustracións de pasaxes da súas obras como:

"Agora vexo ben o azul de alá endiante, onde o río dá a volta darredor do penedo. Vexo como se espalla ese rachón de ceo, esa guichola cinguida polas nubes viaxeiras. Tantos anos aquí, nesta aldea mortiza, dando por ollado e sabido cánto hai, hastra que caio na conta de que nada conozo. Todo é vello e novo ó mesmo tempo. Todo está e non está. E eu ando a beliscarme pra saber de min, pra ter a seguranza de que son e de que estou" (da obra "Querido Tomás")

Revisar as súas entrevistas ou charlas en prensa e escolas así como obras de teatro, poemas musicados ou cancións, será tamén un incio interesante así como recopilar o eco que se fixo a prensa de hoxe do seu pasamento e falar sobre o significado literal e figurado de "deixar pegada no mundo".

Este autor tamén proporciona a oportunidade de organizar parladoiros sobre a xustiza social arredor da súa obra ou analizando pequenos parágrafos.



De especial interese pode ser a creación de liñas de tempo interactivas, por exemplo sobre as viaxes da vida do autor, sobre a publicación das súas obras ou mesmo sobre o desenrolo dalgunha das súas historias se xa fixemos a lectura. Para realizar estas liñas de tempo podemos empregar ferramentas coma TIKI-TOKI
Aquí tedes un PDF coa recopilación e presentación de 5 sinxelas actividades:

Está claro que as opcións para realizar un primeiro achegamento a unha figura como a de Xosé Neira Vilas son infinitas e poden adecuarse a tódolos cursos de primaria mais ningunha como darlles aos nosos alumnos/as a oportunidade de achegarse á bibliotecamergullarse nalgunha das súas historias ou poemas, sempre ben escollidos e adecuados para eles/as e tra-la lectura poderemos incluír outra morea de actividades moi distintas tirando do fío si así o desexamos.