Amosando publicacións coa etiqueta ritmo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ritmo. Amosar todas as publicacións

07/01/2018

Ritmo! Partitura de Run Boy Run (Woodkid)

Feliz ano a todos/as!
Estamos de volta, mañá encheremos as aulas de novo!

Hoxe traio un recurso dos que teño feitos de bastante tempo antes de decidirme a organizalo todo neste blogue, a verdade é que, neste caso coma noutros, son pequenos recursos que preparei algún día e que sigo empregando ao longo do tempo pero que nunca lembro ir organizando e subindo aquí.




Este é o caso desta pequena partitura de percusión que fixen alá polo curso 2012-2013 ou 2013-2014 dunha canción publicada nese ano (2013) chamada Run boy run, de Woodkid. Naquel tempo estaba nun centro no que a aula de música dispoñía dun par de baquetas de caixa para cada alumno/a mais neste e outros cursos empreguei simples paus de madeira (dos de facer manualidades, á venda en bazares)


Coma poderedes ver no recurso, neste caso o grupo divídese en dous para facer o ritmo,  mais é fácilmente adaptable para facelo ao unísono se así o desexamos, o traballo de ritmo, ademáis de esencial é moi divertido nas clases de música e se incorporamos as nosas "baquetas" e unha obra contemporánea a diversión aumenta por momentos.

O recurso é sinxelo pero tamén útil e efectivo e todos os anos foi éxito nas miñas sesións de música de 5º e 6º así que agardo que vos poida ser de utilidade sobretodo, claro, aos mestres/as de música.

Aquí, e na imaxe do inicio, podedes acceder á "mini web" do recurso onde incluíra tamén algúns videos para practicar ritmos dos moitos dispoñibles na rede e onde tamén podedes descargar o .pdf para imprimir.

Despídome desexándovos un moi feliz ano 2018 a todos/as e agardando que esteades cheos de enerxía para o trimestre que comeza.

Saúdos desde a fiestra.

22/11/2015

Música e balóns de baloncesto.

Hoxe traio un novo recurso web destinado a preparar de forma sinxela unha secuencia coreográfica con balóns (adaptable a outros materiais: panos, picas, aros...)



O recurso está deseñado para alumnos e alumnas de 5º e 6º pero que pode empregarse con pequenos cambios tanto en niveis superiores (ESO) coma en inferiores e ademáis que pode facer as delicias da área de música e mesmo da de Educación Física dependendo dos aspectos no que nos centremos no seu uso.

Podemos empregar este recurso centrándonos nos aspectos rítmicos, musicais e de danza desde a área de música ou tendo máis en conta elementos coma o bote, lateralidade, coordinación ou lanzamentos na área de Educación Física.


Está claro que esta idea pode desenvolverse cun sinfín de cancións, ritmos e coreografías pero eu déixovos unha ligazón na que atoparedes o musicograma para realizar a coreografía do tema "Let's get it started" así como a imaxe cunha pequena explicación dos movementos que programamos.

Fai clic nesta imaxe para acceder ao recurso online:
http://patrifulca.wix.com/letsgetitstarted
Nesta imaxe tedes unha pequena explicación dos movementos (fai clic para descargar o arquivo):

Esta actividade é moi motivadora xa que observaremos unha evolución moi rápida tanto no ritmo persoal como na coordinación co resto de compañeiros e compañeiras e pode ser tamén unha solución moi atractiva para festivais e actuacións escolares xa que os resultados finais son verdadeiramente impresionantes; así que anímovos a empregalo sen dúbida, é divertidísimo (tamén ruidoso) e con el podemos traballar moitísimos aspectos desde distintas perspectivas.

Saúdos!