Boas!
17 de abril, un mes exacto para o Día das Letras Galegas e...
O certo é que este curso cruzou a miña mente a idea non facer sala de fuga ou como moito algunha pequena sobre algo moi concreto pero... para cando me quixen decatar xa estaba ata as cellas de información e ideas sobre a autora homenaxeada nestas Letras Galegas e é que entrar no universo Villalta pode non semellar doado para todo o mundo pero unha vez que estás dentro... é tremendamente cautivante.
De feito, non é que non fixera sala de fuga, é que preparei tanto a sala "física" ou "analóxica" ou non sei como chamarlle e tamén a sala de fuga dixital e algún pequeno material imprimible máis que podes descargar tamén.
Como explicaba, vinme ateigada de información, xa tiña varios libros antigos de Luísa Villalta e de súpeto engadín un montón de textos, libros novos, xornais, publicacións colectivas artigos... e tratar de reducir e simplificar (moito) información non é sempre o máis sinxelo de facer pero coido que quedou unha sala de fuga que da información relevante sen chegar a saturar demasiado, procurando ser unha porta para que, quen queira, siga explorando despois (porque é fascinante!).
Tanto nunha como noutra as "investigacións" e retos poden ser acometidos en calquera orde xa que con eles iranse conseguindo diferentes números e cores que, combinados, abren un cadeado e recompensa final.
Intentarei simplificar a explicación das salas, digamos que, por distintos camiños, podes chegar a explorar 4 puntos esenciais: Un esta composto de aspectos básicos da biografía de Luísa Villalta, outro da súa vertente vencellada a música, un terceiro sobre a bibliografía e outro máis sobre sociedade e activismo.
Explorando textos, imaxes, audios... resolvense retos de dificultade media que van aportando as cifras e cores que precisamos para desbloquear o cadeado final.
(este é un esquema da sala de fuga "analóxica")
Na sala de fuga dixital todo isto acontece mentres navegamos libremente por distintos escenarios (un mapa da Coruña no que ir a distintos puntos de interese, un estudo ficticio da autora no que ir picando en distintos elementos, unha rúa da cidade, o conservatorio de música, etc.) na maioría de escenarios os botóns están ocultos así que haberá que ir probando, investigando e deducindo ata atopar e resolver os retos. (Podes acceder á sala de fuga dixital AQUÍ ou máis abaixo)
Por outra banda, na sala de fuga "analóxica" o escenario constrúese (no meu caso na biblioteca do centro) emprego libros da autora, tamén algunha da publicacións deste ano relacionadas con ela, recortes, uns botóns, etc. a mecánica é semellante, poden investigar polo espazo e resolver os retos como vaian atopando ou desexen ata ter os números e cores precisos (eu prepareina para realizar en pequenos equipos, non todos á vez)
Algún outro material que fixen:
- Libriño de lapelas imprimible sobre Luísa Villalta. (Un sinxelo libriño de lapelas que imprimir, cortar, montar e completar)
- Cartaz colaborativo: Fixen un cartaz conmemorativo todo formado por cadriños que se pintan seguindo un código para formar a imaxe final. Se o queres empregar só tes que descargar, imprimir, repartir, colorear seguindo o código e montar. (Eu emprégoo na sala de fuga, cada equipo ten no seu cofre final algunhas das pezas e cando pasan todos os equipos montamos o cartaz)
- Xogo de cartas "Eu teño... Quen ten...?" edición Letras Galegas 2024. Luísa Villalta. Imprimir, recortar e a xogar.
- Marcapáxinas para pintar.
- Ligazón ao .pdf da sala de fuga "analóxica"
- Ligazón á web da sala de fuga dixital. (recomendable en ordenador)