Páxinas

07/06/2018

A cápsula do tempo

Os días pasan, o tempo bule... pero canto bule?

Aproveitando que este ano teño máis dunha área cun grupo de 1º de primaria decidín crear unha cápsula do tempo con eles/as.
Si, unha cápsula do tempo!...só con nomeala estoupou a emoción na aula, de veras!


A cápsula será unha caixa na que gardar varias cousas sobre hoxe en día e que será custodiada polo centro (viaxe á caixa forte incluída) ata a data prevista de apertura, e, en canto se lle comunicou aos rapaces/zas de primeiro mostráronse entusiasmados pero... que terá a nosa cápsula?

Nunha cápsula do tempo podemos meter moitas cousas: imaxes de obxectos ou "modas" recentes (cromos, bailes, cancións, xoguetes...), listas de prezos como "hoxe un café vale...", recortes de xornais... a nosa opción foi enchela de "cousas sobre nós".

Para enchela preparei unhas tarxetas que cada un deles debe completar e gardar nun sobre.



A escrita do seu nome, o seu autoretrato, unhas fotos, algo sobre os seus amigos/as, o que pensan que queren ser de maiores e tamén, o que probablemente lles fixo a maior ilusión: unha mensaxe de audio ao seu "eu" do futuro. Que lle dirían ao "eu" de sexto? (Agardo que..., non esquezas...).  (Pegamos uns códigos QR que conteñen o audio e agardamos que funcionen no futuro, por se non fora así meteremos un pendrive tamén na cápsula)

Aquí podedesde descargar todo ese material por si o queredes empregar!

Unha vez que todo está completado, as tarxetas van aos sobres e dos sobres á cápsula, esta cápsula queda pechada baixo chave con data de apertura: Xuño de 2023 (estos rapaces/zas estarán rematando 6º de primaria) soprenderanse do que hai dentro? O tempo dirá!

O certo é que a idea é moi sinxela mais resultoume un bo xeito de ir pechando este primeiro de primaria (ou infantil...) e agardo que vos sexa de interese ou utilidade!

Saúdos desde a fiestra!