Páxinas

08/09/2017

Aprender con curiosidades

A quen non lle gustaban aqueles minúsculos detalles que un/ha mestre/a contaba na clase de historia, literatura, física ou calquera outra área? Aqueles datos que convertían a aprendizaxe nunha partida de Trivial, que facían medrar a nosas ganas de saber, que chamaban a nosa atención e espertaban a curiosidade? Pois esa é a base desta actividade.

Xa vai uns anos que adoito incluír nalgunha área ou grupo a actividade que adoito chamar "o reto" e sempre deu moi gratificantes resultados.


No reto eu formulo unha pregunta ou ben un reto, enigma ou dato que queda á vista do alumnado na aula durante un tempo estipulado previamente (pode ser semanal, quincenal...) e ao remate dese prazo aqueles alumnos/as que voluntariamente decidiron buscar solución á proposta expoñen as súas solucións na aula puidendo incluír ou non algún tipo de "recompensa" que pode ir desde aspectos avaliativos á creación dun "consello de sabios" entre aqueles que máis respostas achegan, a posibilidade de creación de retos pola súa parte, etc.

A miña experiencia é que a voluntariedade de resolución do reto mantén a motivación á vez que evita medos, timidez, frustración, copias de urxencia ante un esquecemento, etc. e nunca supuxo unha baixa participación (todo o contrario)

Adoito plantexar retos de moi diferente índole (científicos, matemáticos, históricos, etc.) máis aquí achego os últimos que creei que teñen unha orientación máis artística.
É moi gratificante e sorprendente descubrir que ao remate do curso lembran un montón de pequenos retos, historias, obras, curiosidades, etc. dos tratados nesta actividade e disfrutan dese coñecemento

A realización desta actividade ten, para min, non só o valor do saber ou de alimentar a curiosidade, participación, exposición oral, etc. se non que tamén resulta moi valiosa no tocante á busqueda eficaz e crítica de información, iniciación á investigación, capacidade resolutiva, etc. ademáis de favorecer comunicación con familiares (en serio).

Nin que decir ten que os retos poden adaptarse aos distintos niveis e tamén se poden relacionar con infinidade de temas.

Agardo que vos resulte de interese e/ou utilidade a proposta e xa sabedes que sodes libres de descargar e empregar os retos, se vos gusta podo ir subindo outros moitos que fun plantexando ao longo do tempo para que estean tamén á vosa dispoñibilidade.
Ánimo co inicio de curso! 

Saúdos desde a fiestra!