26/03/2019

"Escape room" coeducativo. Materiais, organización e experiencia.

Boas, 
Xa hai un tempo que viña maquinando este "escape-room", como sabedes fixen un o ano pasado sobre música que podedes ver nesta outra entrada e, este ano, inmersos no proxecto de centro, que é "Mulleres" preparei, para sexto, un novo. Velaquí vai a experiencia, a organización e os materiais...é unha entrada longuiña así que, se tes interés, colle asento.




Hai moitas formas de preparar actividades deste tipo mais esta sigue, en esencia, os pasos da do ano pasado (os pasos esenciais están explicados na entrada do ano pasado...). Eu tiña claros os obxectivos, os contidos a tratar, as habilidades a desenvolver así que a partir de aí pensei a narrativa.

Narrativa:

O primeiro que fixen foi crear a narrativa, o alumnado enfrontaríase a un reto xeral que é o seguinte:

Secuestraron a unha persoa e con ela teñen o antídoto para a desigualdade que eles e elas, superando enigmas e probas deben liberar.

Coma o ano pasado, para introducir a temática fixen un vídeo que é o seguinte:


Probas ou retos:

Despois preparei as probas, ideei 6 "probas tipo" distintas que modifiquei para cada equipo (en realidade, podes facer que cada equipo supere as mesmas probas con distinto resultado e se xunten, ou non, ao final) mais eu opto por facer algunhas distintas. As miñas foron:



  1. Liña do tempo: Fixen uns tarxetóns con imaxe título e datos para crear unha liña do tempo sobre mulleres e movemento pola igualdade, fixen moitas (27) (podes velas e descargalas máis abaixo, obviamente a solución estaba tapada) así que cada grupo recibía unhas 5 distintas para as que debían buscar data e ordenar (ao ordenalas obtiñan un código de tres cifras que abría un candado dunha caixa onde obtiñan o seguinte reto). 


  2. Test mitos do amor romántico: Fixen un test de verdadeiro ou falso con frases relativas ás relacións sás, estereotipos de xénero e mitos do amor romántico. Unha vez respostado verdadeiro ou falso tiñan unha indicación, cada resposta verdadeira valía 2 puntos e cada falsa 1 (noutros equipos a conta era distinta...), ao sumar obtiñan unha cifra que era a clave de acceso a unha web que preparei.


  3. Quen ves sendo? Nunha dirección web á que accedían obtiñan unha fotografía e 3 pistas coas cales debían procurar na rede o nome desa muller, esta tamén foi distinta para todos os grupos (Lynn Margulis, Lise Meitner, Emma Watson, Chimamanda Ngozi e Kathrine Switzer), unha vez atopado o nome debían introducirlo coma contrasinal de acceso a outra páxina que daba a seguinte pista ou reto. (A web do proxecto completo é esta, por si queredes fedellar, aínda que cuns formularios de Google ou así pódense crear pistas agochadas cun contrasinal de xeito moi sinxelo)


  4. Andeis coeducativos: Un reto sinxelo propoñía unha pista coa cal debían atopar a que libro nos referiamos, todos eles dispostos nos novos andeis coeducativos da biblioteca do cole, atopado o libro, dentro deste, estaba a nova pista ou proba.

  5. Creación: Todos os equipos tiveron un reto de creación, unha vez que o atopaban debían elaboralo e ensinarmo a min. Uns tiveron que crear o "Doodle" de Google para o 8 de marzo, outros un anuncio publicitario para fomentar o préstamo de obras dos andeis coeducativos, outros crear unha estrofas de regueifa sobre o antídoto que buscan, outros crear uns Haikus e outros, empregando libros do espurgo e recortando palabras crear unha breve narración ou poema relativa ao tema. (ben puideran ser outras mil cousas, receita contra a desigualdade, cartaz de película sobre o escape-room, anuncio radiofónico contra a desigualdade, foto e slogan.... ). Unha vez que eu daba o visto bo dáballes o seguinte reto.
  6. Alianza de equipos: Se ben os equipos chegaban ás outras probas en diferente orde e momento, esta proba era a última para todos e nela suxeríase que se aliaran. Uns equipos tiveron que aliarse para, coas liñas de tempo parciais de todos os equipos, formar a liña do tempo completa (ao ordenala tiñan unha secuencia de frechas que abría un candado direccional e outra de números que abría un "dixital") Outros equipos tiñan que completar unha encrucillada coa axuda dos outros equipos ao precisar os nomes das mulleres da proba 3 (Quen ves sendo?") esas encrucilladas tiñan unhas celas sinaladas cun símbolo ou formas xeométricas e ao final da páxina un código que empregaba esos símbolos escrito que os levaba a distintos lugares (unha pizarra na que atoparon un código de 3 cifras para un candado, un armario no que atoparon unha chave pegada baixo un dos andeis, etc.)  Todos estos candados finais cerraban a última chave,  a que abría o "cofre" do antídoto que estivera no medio da aula durante toda a sesión, así que para liberar a chave todos os equipos tiñan que superar os seus retos.


Logro final: O antídoto

Unha vez superados todos os retos e conseguida a chave final dirixíronse (ao tolo xD) cara a urna do antídoto alí atoparon:
  • Unha mensaxe escrita: "Noraboa! Que? Que non hai antídoto, mirade ben ao espello..."
  • Un espello: No espello estaba a inscripción "O antídoto sodes vós"
  • Un montón de doces (xa, xa sei que non é moi saudábel nin pedagóxico supoño...)
  • Unha caixiña metálica (mais espello...): Ao abrila tiñan a mensaxe máis estendida e uns "amuletos contra a desigualdade" que fabriquei coa fin de que lles servira coma "tótem" ou recordo da experiencia.

Posta en común e conclusión:

Na seguinte sesión despois da experiencia fixemos a posta en común e tratamos tamén aspectos de probas ás que tiveron que adicar máis tempo do esperado (por exemplo, nunha, aparentemente tan sinxela coma o test dos mitos do amor romántico houbo bastante discusión (moi sá e enriquecedora por outra parte) así que tratámolo de novo e ofertei novas alternativas onde poder informarse máis sobre este tema, falamos tamén dos aprendizaxes, do significado das tarefa e probas, das dificultades, das sensacións que produciron e tamén, por suposto, do significado do antídoto.

Ademáis, cada un/ha recibiu un post-it no que escribir algunha impresión (anónima ou asinada) que despois dispuxemos nun taboleiro.



Que que tal? A experiencia foi, de novo, moi satisfactoria para todos/as mais velaquí van elementos a mellorar:
  • Creación de equipos: Este ano o grupo estaba moi interesado en crear eles mesmos os equipos pero a experiencia puidera ter sido mellor cun pouco de man da coordinadora (eu), o ano pasado cada equipo tiña tres tarxetas de "axuda" que podía entregarme se precisaban unha pista ou algo, este ano houbo un equipo que precisou moita intervención miña mentres os outros eran autónomos.
  • Tempo: Mentres que a experiencia do ano pasado cumpliuse nos 50 minutos de sesión esta tomou case unha hora e media (grazas que eu dispoñía dese tempo e que o titor tivo a ben "deixarme" aos rapaces/zas para rematar) en gran parte por dous motivos:
    • Conexión: Este ano cambiou o espazo da aula de música e a conexión é moito máis lenta polo cal os equipos tardaban moito en superar as probas de investigación, de non estar ocupada a aula de informática (estando preto da de música) tivera sido mellor opción deixarlles empregala.
    • O equipo rezagado: O equipo que precisaba moita axuda ía sempre un par de probas por detrás dos demáis e para abrir o último candado houbo un tempo de agarda.


Supoño que os "escaperooms" son agora unha moda, mais tamén é certo que a dinámica, ben plantexada e contextualizada, coma todas, podo decir que funciona, o alumnado pon en práctica moitos mecanismos de aprendizaxe, cooperación, investigación, pensamento, etc. cunha importante dose de motivación e tamén é unha tarefa que da moitísima información ao docente que a aplica. Está claro que non é unha dinámica para facer a diario pero para min é unha das experiencias máis ricas do ano; unha búsqueda do tesouro que se pode plantexar de moitas maneiras desde formas máis sinxelas a máis complexas e todos os seus aspectos.

Anímovos a probar, coido que deixei case todo o material e como o organicei mais se esquecín algo ou tedes algunha pregunta non dubidedes en facela que boto un cable!

PD: Sobre os candados, todos os meus, polo menos os máis "diferentes" coido que son de Amazon (o de letras, o direccional, o de apretar números) tamén empreguei algúns dos típicos de ximnasio de 3 cifras e dous de chave.

Agardo que vos sexa de utilidade!
Saúdos desde a fiestra!