xoves, 15 de novembro de 2018

O mitón. Conto e materiais

Chega o fresco e estou aquí para partillar un material que emprego especialmente na aula de música, comecei a traballar este conto a raíz dunha entrada da docente Clare Eggleston e só tiven que adaptalo ás miñas necesidades (non emprego patróns e só instrumentos en infantil, etc.)

Todas traballamos moitos aspectos nas clases de educación musical nos distintos niveis, danzas, cancións, instrumentacións, ritmos... e, especialmente en educación infantil e primeiros niveis de primaria, gosto de traballar algún conto que poder musicar e dramatizar.



Este é o caso do conto "O mitón" unha historia da tradición de Ucraína (Jan Brett), neste conto un rapaz pídelle á súa avóa que lle teza uns mitóns brancos de lá e, aínda que ao principio a avóa advirte que con esa cor perderá as luvas na neve, ao final a avóa Babú remata por facerlle os mitóns ao neno. Como augurabamos, o rapaz perde un mitón na neve e nel comezan a entrar unha toupa, un coello, un ourizo, un moucho, un teixugo incluso un oso e un ratiño...



É un conto moi chulo e acumulativo que gosto de traballar ahora que entra o inverno, con el lemos e escoitamos o conto e dramatizamos poñendo un gran mitón branco de papel contínuo no chan, expresando as sensacións dos animais nos distintos momentos, etc.

Primeiro practicamos a musicalización tamén identificando cada animal cun instrumento (ou cun patrón rítmico nos niveis algo máis altos) e procuramos engadir todo o énfase que precisa (cando un animal pide espazo os que xa están no mitón reméxense e protestan tocando os instrumentos, etc) é dicir cada vez que uns falan e outros contestan van sonando e ao final de cada sección sonan todos os animais que xa están dentro da luva.

Eu nunca atopei este conto en galego (nin castelán) polo que o material que preparei inclúe unha adaptación da historia, de feito no material descargable ao que podedes acceder aquí e máis abaixo reunín:

  • A presentación dos personaxes, para introducir os que saen na historia.
  • Caroutas para poder empregar en representacións (son ilustracións dispoñibles na páxina da autora do libro) e a estas eu engado o mitón branco enorme feito con papel contínuo para que os personaxes vaian entrando.
  • Os identificadores animal-instrumento para a musicalización (páxina xeral e tarxetóns)
  • Os identificadores animal-patrón rítmico para niveis máis altos (páxina xeral e tarxetóns)
  • A adaptación do conto "O mitón"
  • Unha lámina dun mitón


O certo é que hai multitude de xeitos de empregar o conto e os materiais e aquí queda a idea por si é de utilidade.

Saúdos desde a fiestra!