martes, 28 de novembro de 2017

A regueifar!

Tiña xa moitas ganas de achegar esta tarefa que reúne moitos factores moi interesantes: creatividade, tradición, música, lingua, poesía, rima, métrica, improvisación, colaboración... sona ben, non é?

Seguro que todos e todas escoitáchedes algunha vez falar da regueifa, unha regueifa é un desafío oral improvisado e en verso, algo que lembra moito ao que coñecen coma "batalla de galos". A súa orixe pérdese no tempo mais o certo é que hoxe en día non quedan moitos regueifeiros e regueifeiras e é aquí onde chega o encargo para o alumnado.

O proxecto que elaborei para a miña aula segue uns pasos para iniciar ao alumnado no coñecemento e creación da regueifa para transformarse en "salvadores/as da regueifa".

(Clic na imaxe se queres acceder ao proxecto)

Este proxecto é susceptible de ser adaptado, de xeito moi sinxelo,  a contextos diversos (por exemplo, na área de lingua) máis eu desenvólvoo desde a clase de música e tamén a distintos niveis xa que ata os máis pequenos/as, cun pouco de entrenamento, poden crear unhas regueifas incríbles que vos deixen abraiados/as. Palabra.

Este ano, os meus heroes e heroínas da regueifa son os de pero se entrades na web do proxecto descubriredes que este se pode desenvolver noutros cursos con leves adaptacións que modulen o nivel de esixencia.

O proxecto comeza por explicar un pouco que é a regueifa, como se constrúe e cal é noso encargo.

Despois conta cunha serie de tarefas pensadas para "entrenar" as facultades regueifeiras comezando por facer unha escrita (non improvisada) nun tempo determinado, despois por crear unha listaxe de palabras que rimen (tamén nun tempo límite), etc.
No percorrido das tarefas o alumnado gaña axilidade e destrezas de improvisación, rima, exposición, etc. de xeito moi notable ata crear a regueifa grupal definitiva.
Veredes que a curva de aprendizaxe é moi pronunciada, a evolución é, en xeral, moi rápida ao ir realizando as actividades.

Por último, e non menos importante, os heróes e heroínas regueifeiros/as deben espallar a súa mensaxe, daráse difusión á gravación e tamén ás estrofas acompañadas dunha imaxe cada un deles/as debe crear e aportar para a posterior publicación nunha rede social.

O proxecto inclúe un apartado de coavaliación (no que o alumnado valora o traballo dos seus compañeiros/as) e avaliación a ter en conta, apartado ao que adoitamos acudir desde o inicio da tarefa para ter claro que se pide de nós, a que debemos prestar atención, etc.

E no futuro? Regueifamos polo nadal? pola paz? pola igualdade? polas letras?... os heróes e heroínas da regueifa non descansan!

O certo é que na clase é un éxito de motivación e interese, e observar a incríble mellora no uso da lingua, improvisación, rima... é moi gratificante así que agardo que o material vos guste ou interese!

Saúdos desde a fiestra!


Ningún comentario:

Publicar un comentario