xoves, 26 de outubro de 2017

O lume

Boas!

A raíz do sucesos acontecidos, coa última enorme vaga de lumes que viviu a nosa terra, fixera un recurso que comecei a traballar cos rapaces e rapazas de 5º de primaria.

A educación ambiental é un aspecto moi relevante que tratamos traballar nas aulas de moi distintos xeitos, mais, ás veces, son os terribles sucesos de actualidade os que poñen estos temas de relevancia e son un motor que nos fai espertar de súpeto tanto a nós como aos alumnos/as e é onde a nosa programación ten que facer gala da súa publicitada flexibilidade.

Con todo o alumnado devecendo por tratar o tema desde distintos ángulos creamos este proxecto para a aula de música na que os alumnos/as teñen o importante encargo tanto de investigar en equipos de expertos distintos aspectos sobre as causas, consecuencias, novas e consellos de prevención de lumes como de, finalmente, cos novos coñecementos recopilados, crear unha letra adaptada a unha melodía (neste caso escollemos "A rianxeira") que nos permita transmitir a complexa mensaxe que tratamos de lanzar ao mundo.

Non adoito publicar os recursos deste tipo antes de que se teña concluída a experiencia unha vez completa xa que gosto de saber os resultados finais por se hai algo que considere cambiar no proceso, mellorar, etc. mais, desta volta, vendo a importante carga de motivación intrínseca do alumnado xerada a partir do suceso, das novas, da relevancia social que adquiriu o desastre, etc. e observando como levan o proceso (o ben que lles está quedando xa a letra), a importancia que lle están dando ao seu encargo; as ganas que teñen de transmitir o que pensan, o que saben o que queren pedir e denunciar velaí vai a web que estamos empregando para o proceso de investigación, reflexión e creación.

[Podes facer clic na imaxe para acceder á web]


Gostamos de introducir temas do curriculum a través da actualidade sobretodo cando son alegres e positivos (descubrimentos, logros da sociedade, etc.) máis tamén considero importante tratar coa relevancia (e delicadeza) que merecen algúns coma este ou moitos outros.
De xeito que aquí queda por si a alguén lle é de utilidade, interese ou inspiración.

Saúdos desde a fiestra.

martes, 24 de outubro de 2017

O conxuro danzado

Seguindo coa temática do Samaín traio un recurso sinxelo, unha danza que disfrutamos moito nas clases de música de infantil.

En realidade, a danza é un clásico das "danzas do mundo" pero eu gosto de introducilas con algunha historia, conto, teatralización... 

Neste caso, á clásica "Danza dos sete saltos" cambieille "saltos" e transformeina nun conxuro bailado dunha meiguiña que, cansa de outro tipo de trucos decide tratar de atopar o seu sombreiro facendo un meigallo danzado. (Unha historia simple pero que fai que a danza se volva máis atractiva, contextualizada, divertida...a isto é ao que me refiro cando digo que gosto de introducir as danzas nun contexto, conto...)

Primeiro saúda, xa que é unha meiga moi educada, e despois engade algo de ritmo á función facendo que toca o tambor. Para atopar o seu sombreiro tamén debe demostrar habilidades de equilibrio cunha perna e coa outra... ademáis, esta meiga coñeceu moitos monstros e pensa que imitar un dos seus caretos axudaráa a recuperar o sombreiro.
O conxuro danzado está case listo, a meiga está contenta e pega un brinco! Pero non pensou que o seu conxuro fora ser tan longo e cansado... e senta un pouco a descansar.
Cando a meiga xa pensaba que non atoparía o seu sombreiro...puf! apareceu na súa cabeciña!
E así é como a meiguiña fixo aparecer o seu sombreiro cun conxuro danzado!


Xeralmente eu, conto unha historia deste tipo engadindo toda a teatralidade posible e en cada "paso do conxuro" mostro unha imaxe que o represente e vounas colgando en orde na pizarra.

[Descarga esta lámina aquí] [Audio da danza dispoñible aquí]

Unha vez que coñecemos a historia volvémonos meiguiñas de Samaín para facer o noso conxuro, e así é como xuntos comezamos a danza. 

Ademáis, tempo despois, sendo xa expertos/as no conxuro danzado, gústame deixar que propoñan pasos que cambien o meigallo e son os alumnos/as os que van facendo achegas que modifiquen cada un dos 7 pasos. Así que, xuntos/as, creamos o conxuro da nosa clase e inventamos para que servirá.

Este recurso é algo moi simple pero algo que desfruto moito facendo e pareceume un exemplo perfecto do "truquiño" que emprego na introducción de distintas danzas darlles un pequeno contexto, un resorte ou motivador que enriquezca a experiencia e tamén unha parte creativa final (ben sexa modificar o conxuro en gran grupo coma neste caso, cambiar un final, facer as seccións por equipos e crear roldas de imitacións...)

Agardo que vos resulte útil ou interesante e desexo que teñades todos/as un bo Samaín!

Saúdos desde a fiestra!

domingo, 8 de outubro de 2017

O corpo e os sentidos

Apetécevos un material de traballo por tarefas e actividades para as ciencias naturais?

Aquí vos prensento o material que fixen para traballar o corpo humano e os sentidos no grupo de 1º de primaria. Constitúeno tarefas e actividades que prentenden ser significativas e consolidar aprendizaxes. 

(Podes acceder á web pinchando na imaxe)

Empezamos cun traballo introductorio empregando unha canción e a ficha asociada para pasar despois a un xogo moi exitoso sobre o recoñecemento de partes do corpo.

Tamén traballamos o coidado do corpo reflexionando sobre aquelo que precisamos para o benestar completo e elaborando a nosa receita infalible.

Despois hai un pequeno traballo xeral sobre os 5 sentidos cunha actividade de pequena recollida de datos que se pode facer no patio do cole.

Tras a actividade xeral dos sentidos pasamos a cada sentido de xeito individual e nesas partes atoparedes tarefas de experimentación e manipulación, traballo con imaxes, curtas, sons, tarefas sobre a comunicación en casos de dificultades no uso dalgún sentido (braille, lingua de signos...) e tamén desenrolo creativo por exemplo no punto no que imaxinamos sabores (A que saberá a noite? os bicos? os enfados?...) 

Finalmente rematamos cun pequeno reto fotográfico chamado "a nosa mellor parte".

Dito así pode parecer moita leria para traballar o corpo e os sentidos mais coido que está todo bastante ben organizadiño e preparado para ter unha secuencia didáctica axeitada e fácil de implementar xa que na web tedes todas as explicacións e ademáis todas as fichas que emprego listas para descargar, imprimir e empregar.

Nós non empregamos libro na área mais para aqueles/as que si o tedes entendo que pode ser un lugar do que extraer algunhas ideas ou materiais cos que complementar as actividades da editorial pertinente e agardo que vos interesen.

Agardo que esteades a ter un bo curso e que o material vos resulte de utilidade, interese ou inspiración.


Saúdos desde a fiestra!